Para afondar na loita contra o cancro, catro empresas galegas, pequenas e medianas, acaban de asociarse para buscar novos fármacos contra esta enfermidade. Neogalfarm constitúe un proxecto cen por cento galego que aspira a lanzar un produto ao mercado a medio ou longo prazo.

GalChimia, AMSLab, Oncostellae e Nanogap decidiron constituír unha plataforma, Neogalfarm, para buscar novos fármacos contra o cancro. Contan coa colaboración de varios grupos de investigación da Universidade de Santiago para desenvolver diferentes proxectos.

A coordinadora de Neogalfarm, Carmen Pampín, explica que «creamos unha plataforma onde temos un porfolio de proxectos en diferentes estadios. Somos conscientes de que é un reto ambicioso e complicado, sobre todo en empresas do noso tamaño».

O proxecto durará dous anos, arestora, atópase nunha etapa temperá. Andan á procura de compostos activos tanto in vitro coma in vivo. Non parten de materias naturais senón que traballan con productos químicos sintetizados dende cero que logo poidan converterse en tratamentos.

«O noso obxectivo sería ese: chegar a compostos que fronte a unha diana terapéutica específica mostren actividade, eficacia e que sexan atractivos para unha industria farmacéutica que poida licenciar e continuar co co-desenvolvemento», explica Carmen Pampín.

Traballan en diferentes aproximacións ao cancro de próstata e de pulmón. Contan cun orzamento de pouco máis dun millón de euros.

Fuente: TVG

Descargar PDF